Hoxe visitou o Insti da Pobra Indalecio
Cabana, Xefe Territorial de Educación da
Coruña. Veu informarse “in situ” das necesidades de mellora que ten o noso
instituto. Nós, a ANPA, recibimos unha
invitación do novo Equipo Directivo para
asistir á reunión. Tamén estiveron a Concelleira de Educación e o Concelleiro
de Obras. O Xefe Territorial veu acompañado por un técnico.
Na visita, que durou algo máis de dúas horas, recorremos o centro
analizando,polo miúdo, os problemas que
urxe abordar.
O primeiro que lle chamou atención ao propio Xefe Territorial foi o mal aspecto exterior do
centro , invadido de maleza e malas herbas e mesmo afeado por algunhas pintadas
nas paredes. O seu arranxo e acondicionamento foi, de feito, unha das demandas
feitas polos docentes e apoiada pola ANPA.
Un dos temas máis importantes que se tratou foi o relativo á supresión de
barreiras arquitectónicas, actuación que ven demandando o centro dende hai xa
moitos anos. É certo que a propia estrutura dos edificios fai difícil a
supresión de todos os obstáculos pero houbo certo compromiso no referente á posta a punto dos ascensores e a facer accesible a tod@s a meirande parte dos
espazos.
Ademais o novo director, Maneiro, insistiu na necesidade de aumentar o
ancho de banda no instituto, insuficiente ata tal punto que, en moitas ocasións
fai pouco ou nada operativos os ordenadores para o traballo docente debido ás serias dificultades no acceso á rede.
Segundo comentou o propio Xefe Territorial non é a súa competencia e non está nas
súas mans resolver o problema; de feito dixo que é a axencia Amtega a encargada de dar o servizo.
Outro problema moi serio do que se falou foi das humidades, e mesmo goteiras, en aulas e corredores dos distintos edificios.
Está claro que as fachadas e carpintería metálica necesitan unha revisión
seria e concienciuda para atopar a orixe dos problemas e solucionalos.
Ao respecto non houbo aínda un
compromiso claro.
Dende a ANPA insistimos na
necesidade de darlle solución a todas estas deficiencias, mesmo se se fixeran
en máis dunha partida orzamentaria.
Con respecto á maleza e mal estado das zoas verdes do patio de recreo o
Xefe Territorial suxeriu a posibilidade de que se contratara, cos cartos de funcionamento
do centro, un servizo de mantemento por
parte dun xardineiro. Dende o noso punto de vista, o mantemento do entorno natural que conforma o patio de recreo
do instituto debería ser unha das preocupacións do concello (aínda que sabemos
que non é da súa competencia) xa que se trata dun espazo no que a totalidade
dos mozos e mozas da vila desfrutan dun
tempo de ocio diario.
Tamén nos diriximos á Concelleira de Educación para comentarlle que esta ANPA lle dera entrada no concello,
e por dúas veces, a unha solicitude de
asfaltado da pista que dá acceso ao instituto pola parte de arriba, que se
atopa en moi mal estado. Parece ser que ninguén lle fixera chegar o documento
polo que lle entregamos na man unha copia da mesmo. Comprometeuse a estudalo e a
darnos unha resposta o antes posible.